cuadfeij.jpg (151397 bytes)firmfeij.jpg (12395 bytes)feijut.jpg (49749 bytes)

Presione para ampliar las imágenes

Lembranzas da illa de ONS

Nas minas longas singladuras, desde as costas de Terranova no inverno e Groenlándia no verao, topava pola proa do barco nas recaladas en Vigo coa illa de ONS. Polo día erguía-se maxestuosamente do mar, coroada polo faro, e de noite vian-se por detrás do horizonte os destellamentos da sua Iuz intermitente. Este foi o meu primeiro contacto coa fermosa illa e ainda que lonxana, algo me atraía a ela, algo me levava alá.
Pasados alguns anos, topei en Madrid, un dia, co meu bon amigo Celso Emilio Ferreiro, xa levado agora para a outra beira do mar da morte. Deveu de encontrar-me tan escangallado que me diño o seguinte:"Manolo, ti que capeache mais temporais na terra que no mar precisas dunha boa reparación". Tomamos unhas cantas tazas de viña, nun mesón galego e a cousa quedou niso.
Pasou algun tempo polas miñas cuadernas e aquelas palabras petavan-me no peito como as andanadas de artillaria lanzadas por un vello galeón. Pensei que quizá non estivese desencamiñado pois me encontrava mui próximo ao desguace.
Foi entón cando me surxiu a ideia de submeter-me a unha reparación de casco e pensei que non haveria sitio mellor que a illa de ONS. Ali marchei un dia, fun barar a unha praíña na parte Sul de alí, chamada De Pereiró. Topei alí cun vello mariñeiro alcumiado O Cambados, que hoxe está tomando tazas con Celso Emilio. Deixou-me unha vella casa, das mais antigás e aillada da aillada illa. Recordo que un día polo mes de Novembro, cando o zoar e brear era de inferno, naufragou un iate á altura da miña casa. Nunca cheguei a saber a sua bandeira pero entre os restos do naufráxio apareceu un canciño asido a un madeiro que traía escangallado o remo da amura de babor, que ven sendo, para os de terra adentro a pata dianteira esquerda. Recollin o can, cureino do mellor xeito posivel e bapticeino co nome de "Carallo". O can e eu vivamos largos tempos felices alimentando-nos de peixes, coellos e polvos. Pero un bon día chegou o Instituto Nacional de Colonización e xa se comenzaron a complicar as causas, pois comenzaron a descolonizar a illa e case o conseguiron. De seiscentas persoas que vivían alí todo o ano apenas quedan seis familias que van mais bem no verao. Pero a cousa non quedou así. Aparecen despois o IRIDA e fixeron tamén o que tiñan que desfacer, quer dicer, o que estava bem feito pola natureza. Chimparon a casa-pozo do dono e amo da illa, un tal Riobó, morto por aforcamento, porque quixo, cando chegou á illa a gloriosa cruzada do ano 36. Construiron coa pedra do pazo derribado unha escola, unha igrexa e uns apartamentos para a clase dirixente que mais parecen edificacións de Terra de Campos que unhas construcións da Galiza mariñeira. Tamén fixeron tres pistas que parten do desembarcadeiro. Unha vai cara ao Norte, chegando á praia de Melide, hoxe praia de nudismo, a que eu bauticei como a "Rua da Perracha". A segunda cara ao Oeste até o faro por encima do monte nomeada por min "Rua do Candiño" e a terceira ao Sul, chegando á beira da casa do Cambados, miña casa, mear fogar, bautizada por min como "Rua do Carallo".
Pasaron os anos e cámbian os nomes e os homes, pero non as cousas. Desaparecen o IRIDA e saiu da maleza o ICONA, esta mais progresista e burguesa e chegaron os campamentos nacionais e extranxeiros, que me chantaron detrás da miña residencia un campamento e diante unha construción que parece mais unha estación de servicio de gasolina terceiro-mundista, mais que un comedor para nenos acampados.
Con tanto movimento na illa nacen duas compañías navieiras. A do Pancho, hoxe tamén tomando tazas cos anteriores amigos, que tiña dous "parquebots" zarpando de Bueu rumbo á illa, cando lle cuadrava, e outra navieira o "Angel da Ría", zarpando de Sanxenxo e Portonovo, segundo estexa o tempo.
Pero o progreso non quedou ai. Con tan bons meios de comunicación chega o turismo burgués de Sanxenxo, A Toxa e todo o globo terráqueo e non tan burgués dos porreiros, procedentes das illas Cies, que invaden a illa.
Con tanta variante de especies inmigradas chegou-se a un momento en que non se sabe quen son os verdadeiros indios, indixenas ou aborixens, se os que estavan ou os que chegaron. Tamén con esta clase de civilización chegou como era de esperar na sociedade de consumo, os incendios, roubos, as drogas e as venéreas.
E a fermosa illa de ONS, en pouco tempo, converteu-se nun pequeno MOLOCAI e para acabar o panorama, aparecerán os que faltavan, a multinacional do "Winston", os contrabandistas facendo escala nas planeadores, entre viaxe e viaxe para tomar os patrons un "wiski" en "Casa Checho" ou "Bar Acuña".
E como ponto final tamén chegaron as forzas do orden, guárdia civil, policía e brigadilla, non sei se para guardar-nos de ou custodiar aos salvadores da patria como Pio Cabanillas, Fraga, Suárez, que tamén fixeron algunhas escalas marisqueiras, por non citar tamén ao Julio Iglesias e aos paraguaios.
Para remediar estas males, os colonos decidirán montar un governo. No primeiro pleno nomean os ministros seguintes: O Candiño, Almirante en Xefe do Mando Unificado das dornas de vela e motor; O Garulo, Ministro da Facenda, Contrabando e Defraudación; O Arturo, Ministro da Guerra; O Ramiro, Ministro dos Impostos e Consumos de Alcooles e Champús; O Terco, foi nomeado por aclamación Primeiro Ministro.
En tan selecto gabinete nomeu-se portavoz oficial ao Delmiro, un mariñeiro que fala en estereofonía. Quedaron vacantes os ministerios de Sanidade e Cultura, pois non hai médico, boticario ou mestre. Tamén quedou vacante o nomeamento de cardeal, arcebispo, primado pois non hai cregos.
Con a coña do governo, comenzaron os cismas e as crises, pois tiñan o problema de nomear Presidente da República de ONS. Despois de multas discusións, libacións, deliberacións, cabreos e labazadas, acordouse nomear reí da illa de ONS, que foi botado democráticamente por todos os membros do governo en case pleno uso das suas facultades. E foi elexido por unanimidade o meu can, Carallo, un can culto que ladra en sete idiomas, que veu de terras de alén dos mares e chegou á illa como Moisés, pola água, agarrado a un madeiro e non dentro de unha cesta. E tan listo que lle fala aos mariñeiros da illa por morse, movendo o rabo en vibracións curtas e longas, ladrando e oubeando en todos os idiomas ainda que non hai demo que o entenda.
Solucionado xa o problema do governo, comenzaron os consellos de ministros que se celebravan todos os sábados na taberna do Checho, a porta aberta, e as deliberación normalmente prolongavan-se até amañecer mentres houbese viña e champu.
Como non havia nada que arranxar pois todo estava desarranxado, todo era eufória e alegría. Bebía-se a esgalla viño tinto e comía-se polvo, nécoras e ameixas e a veces, caia unha centola ou uns percebes. E todo acabava co grito feliz da illa de "Viva o Carallo".

Até mais ver illa de ONS, que Deus che ampare da Xunta, compañeira

Manuel Feijoó Rodríguez - Feijút - 1985